Co gallo da saída do prelo na primavera de 2023 do poemario “O poder da fraxilidade”, o cuarto libro de Antonio García Teijeiro que publicamos en Belagua, repasamos aquí o que foi ata o de agora a nosa relación editorial con este autor, poeta e narrador, que foi en 2017 Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil.
A nosa relación iniciouse en 2015 coa publicación en castelán do libro de relatos “Detrás del horizonte”. Pura prosa poética ao servizo da denuncia das inxustizas, un grito desgarrado pola paz, pola defensa dos dereitos humanos… fronte ao absurdo das guerras. Foi ilustrado con fotografías de Ricardo Grobas de refuxiados na guerra de Albania, e é un libro imperecedero pola súa temática.
Seguiulle en 2016 unha alfaia para coleccionistas, “Poesía cromática”, realizado man a man co pintor Xulio García Rivas, nunha edición a toda cor de só 200 libros numerados e asinados de puño e letra por ambos autores.
As poéticas de Xulio e Antonio volveron xuntarse en 2019 na edición de Pasando as follas do tempo, unha antoloxía de poemas para adultos (1987-2017) onde o poeta volca as súas preocupacións e as súas lembranzas, fala do amor, do sexo, do mar… e onde fai referencias musicais a Dylan, a Cohen, a Aute, e a outros poetas (Celso Emilio Ferreiro, Neruda, Alberti…).
Sentidas dedicatorias a todos eses creadores que estimulan a súa sensibilidade e viaxan permanentemente con el, son constantes en todos os seus poemarios. Tamén neste último, O poder da fraxilidade, unha edición sen acompañamento de imaxes, só as palabras percorrendo o libro. Dividido en seis partes, o poeta volve sobre os problemas da existencia, esta vez con desasosego, a modo de catarsis, e facéndonos pensar.
Con máis de oitenta libros publicados, de poesía e de narrativa, tanto para o público infantoxuvenil como adulto, Antonio G. Teijeiro sempre declara que a poesía foi a súa táboa de salvación. Escoitalo falar sobre a bondade da literatura e sobre a necesidade de achegar a poesía ás aulas, coa súa potente voz, con esa paixón que nace das súas entrañas, causa unha intensa emoción, só parecida á da lectura dos seus libros. Animádevos con calquera do noso catálogo.