Seis relatos pespuntados liricamente pola voz dun autor que nos vai levando desde un mundo trazado pola incredulidade do accidente do Discoverer Enterprise –incrustado pateticamente na ponte das Pías– até a novela breve Patria do vento tourón, en que se relatan as vicisitudes do torreiro Terencio, namorado dunha serea.
O realismo combina co fantástico, sen renunciar ao ton irónico, mesmo cómico, a pesar de que se poida mastigar a traxedia, como acontece en Maxia real –un conto máxico de reis en que anda a rondar a morte–, en Canción de arrolar, co fusilamento en 1938, após ter dado a luz, de Amada García no castelo de San Filipe de Ferrol, e en Berlarmino e o robalo, co teimudo submarinista que interioriza como un desafío a loita contra o magnífico animal. Finalmente, Isabel de Barreto, a almiranta dos Mares do Sur, antóllase tema recorrente e caro ao autor, agora recreado a través da figura dunha súa trasneta, protagonista de Ofelia Seis Dedas, que quixo tripar as mesmas terras que ela tripara en 1595 e que motivará a súa desgraza. Seis narracións, en definitiva, cheas de paixón, escritas co bon oficio de quen leva anos exercendo; narracións que, con certeza, non haberán de causar indiferenza a quen as lea.
SOBRE O AUTOR
Henrique Dacosta (Ferrol, 1964). Profesor de profesión; escritor de vocación. Foi gañador do Certame Carvalho Calero coa novela Mar para todo o sempre (1991) e os relatos Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias(1993) e Unha mada de doce relatos (2006), e finalista con Ruiva mulher de esperança no I Certame de Relato Curto Asociación Cultural Cidade Vella, publicado en Muralla de Crescórnio (1989).
Participou noutras colectáneas de relatos breves: Diálogo de xordos, en Longa lingua. Os contos da Mesa (2002); Ouro maldito, en Seis ferroláns (2003); Cabo do mundo, en Premios Pedrón de Ouro. Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo; e Soñaba, en En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova (2010). Escribiu as novelas Os desherdados (2006), O prezo da tentación (2008) e Entrada ao xardín do saber (2014); e o manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega (2007). Ten publicado artigos e investigacións lingüísticas e literarias en diversas revistas e periódicos (Agália, A Nosa Terra, Ferrolanálisis, Crónica de Ferrolterra, Cátedra, Columba, O Sil, Ólisbos, Poesía Galicia, Kallaikia, Elipse, etc.). É colaborador habitual do Diario de Ferrol.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.