Na vila de Muxía, na máxica Costa da Morte, entrecrúzanse historias de ida e volta atravesadas por décadas de falso ou meditado silencio. Andrea Neumann quere fuxir de canto a feriu nun pasado innomeábel na Arxentina. Luísa está alí, tentando ceibarse da súa caixa de cristal, para lembrarlle que o máis sinxelo é fuxir, porén, o máis doloroso é regresar.
O berro dunha xeración, acalado pola forza bestial dun xenocidio, renace na voz reprimida da seguinte. Non importa canto tempo transcorrese, a verdade máis fonda, coma a auga, atopa sempre o seu curso. E o amor agarda por ela para recollela e aniñala.
Nesta novela, Luz Darriba tece, entre Galicia e o Río da Prata, os fíos dunha manta que nos abeire e nos salve da barbarie. Que salve a Andrea e a Luísa das arremetidas dun escuro mar de dúbidas e mentiras. Dun pasado que esixe reparación e esperanza.
SOBRE A AUTORA
Luz Darriba naceu en 1954, en Montevideo. Trasladouse en 1970 coa súa familia a Bos Aires, e vive dende 1990 en Galicia. Filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata, estudou Belas Artes e Filosofía e Letras na Universidade de Bos Aires.Como artista, realizou centos de exposicións, macrointervencións en espazos públicos (como a da Muralla de Lugo, con 659.000 libros) e recibiu numerosas distincións internacionais.
Formou parte do staff permanente de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país (2005-2008). En 2010 retomou a súa vella vocación literaria, e publicou Toda a xente errante, a súa primeira novela (2012), Xoguetes para nenos cegos (2015) e O que o vento non se levou, relatos para espertar a memoria (2016). Recibiu nesta etapa varios recoñecementos, entre eles o Premio Ánxel Fole (2012). Os seus relatos forman parte de moitas antoloxías en España e Latinoamérica (como Bovarismos, antoloxía de relatos escritos por mulleres).
Escribe unha columna semanal en Nósdiario e colabora con distintas publicacións internacionais.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.