Lucía, Manuela, Candea, Lidia e Alicia son as protagonistas de Alicia no labirinto das sombras, unha historia sobre acoso escolar no que cada unha se verá implicada de forma diferente e que lles suporá tamén consecuencias distintas.
Con sensibilidade, empatía e algunha dose de humor, coa voz dunha rapaza de doce anos, a autora constrúe un relato que apela á reflexión e ao diálogo sobre unha forma de abuso, físico ou psicolóxico, cuxas graves secuelas acompañan para sempre as vítimas e os agresores.
Alicia no labirinto das sombras, ambientada na Costa da Morte, interpélanos a toda a sociedade, pois bebe dunha realidade que padecen en silencio moitos nenos e nenas e que a miúdo non somos quen de considerar. Porén, malia a súa crueza, a súa lectura deixaranos unha pegada positiva.
SOBRE A AUTORA
Guadalupe Vázquez Formoso naceu en 1981 e viviu a súa infancia entre os Estados Unidos e Galicia. É licenciada en Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña en 2003, e actualmente exerce como mestra no CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo, de Cee.
Da súa experiencia docente xorde a súa serie de libros bilingües de Saltarín, contos de contido pedagóxico que supoñen, ademais, un canto de amor á Terra.
En novela, Guadalupe Vázquez ten publicado Conto de Quilmas (2022), froito dun traballo de recompilación de palabras e expresións que se están a perder, e Carburos é o meu dios (2023).
Valoraciones
No hay valoraciones aún.