SINOPSE
Un dobre asasinato cometido ás portas da residencia universitaria Monte da Condesa levará o nome da estudante de Psicoloxía Laura Mariño ás portadas dos xornais. A nota atopada canda os corpos conduce a unha inevitábel conclusión: alguén pretende xogar con ela unha partida estraña e macabra, coa chanson francesa como banda sonora. Mais hai algún motivo oculto tras estas mortes? Ou son simples vítimas casuais dunha competición retorcida?
Coa axuda incondicional da súa amiga Sara Porto, Laura Mariño deberá desenlear un novo misterio e evitar máis crimes. É unha tarefa que desanimaría a calquera, mais Laura non é, nin pretende ser, unha universitaria do montón.
SOBRE O AUTOR
Miguel Alonso (Ferrol, 1984) é licenciado en Psicoloxía, músico e escritor. Conta con varios discos publicados e recibiu prestixiosos premios, tanto a nivel galego como no Estado español, entre os que destacan o Xuventude Crea (2010) e unha Axuda á Creación Nova do Injuve (2013).
Como poeta e escritor de relatos curtos recibiu varias distincións e participou en diferentes publicacións colectivas, entre as que destacan Pegadas, Dez Anos na Porta e Aldeas sen voz.
Con O caso Quintana (Belagua, 2017), estreouse como novelista e deu vida á estudante de Psicoloxía Laura Mariño, que volve protagonizar O caso dos amantes de París.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.