As pequenas irmás Luz e Aurora viaxan coa súa imaxinación arredor do mundo para coñecer diferentes culturas a través dos seus sons, os seus ritmos e os seus instrumentos musicais. Cada capítulo de Xanelas ao mundo é unha xanela aberta a
paisaxes sonoras únicas que no seu conxunto compoñen unha emocionante e reveladora viaxe.
A música é un idioma universal capaz de derribar fronteiras, e este percorrido, que as súas protagonistas fan accesible e cautivador, móstranos como conecta pobos, tradicións e persoas, convertíndose nunha ponte entre culturas e nun reflexo da nosa humanidade compartida.
(Ilustracións interiores de Sergio Sande).
SOBRE A AUTORA
Cristina Otero Correa (Ferrol, Galicia) é clarinetista, mestra de música e especialista
en cooperación internacional. Entre Galicia e Uganda foi tecendo unha traxectoria vital e educativa marcada pola curiosidade, a empatía e o compromiso co dereito á educación. A súa actividade docente sempre foi acompañada da música, como un fío invisible que une aulas, culturas e soños. Apaixonada pola xustiza social, entende a arte como unha maneira de mirar o mundo e de transformalo.
Xanelas ao mundo é o seu primeiro libro de literatura infantil, unha obra que nace da
experiencia e da emoción compartida.







Valoraciones
No hay valoraciones aún.