Xoguetes para nenos cegos é un relato sórdido, doloroso nalgúns momentos, inquietante noutros, dun tempo non afastado de opresión, miseria e incultura.
Xosé rememora os anos da posguerra xunto a Xan, o fillo cego dos Pena Moura, co que medrou servíndolle como fiel guía e recibindo en pago os refugos dos vencedores. «Nesta estreitísima relación flúe o recoñecemento das capacidades de dominio aniquilador e submisión vergonzante, creadoras ambas dunha simbiose osmótica entre dous rapaces que chegan a con-fundirse no mal, na crueldade e na vinganza», apunta Helena Villar Janeiro no prólogo.
Luz Darriba impregna a narración dun ritmo in crescendo para remexernos por dentro e mostrarnos, sen paliativos, os abismos aos que dirixe a cegueira humana.
SOBRE A AUTORA
Luz Darriba naceu en 1954, en Montevideo. Trasladouse en 1970 coa súa familia a Bos Aires, e vive dende 1990 en Galicia. Filla da diáspora galego-asturiana no Río da Prata, estudou Belas Artes e Filosofía e Letras na Universidade de Bos Aires.Como artista, realizou centos de exposicións, macrointervencións en espazos públicos (como a da Muralla de Lugo, con 659.000 libros) e recibiu numerosas distincións internacionais.
Formou parte do staff permanente de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país (2005-2008). En 2010 retomou a súa vella vocación literaria, e publicou Toda a xente errante, a súa primeira novela (2012), Xoguetes para nenos cegos (2015) e O que o vento non se levou, relatos para espertar a memoria (2016). Recibiu nesta etapa varios recoñecementos, entre eles o Premio Ánxel Fole (2012). Os seus relatos forman parte de moitas antoloxías en España e Latinoamérica (como Bovarismos, antoloxía de relatos escritos por mulleres).
Escribe unha columna semanal en Nósdiario e colabora con distintas publicacións internacionais.
Valoraciones
No hay valoraciones aún.